Friday 26 de April de 2024

Jose Manuel Lage: “A política pode e debe ser útil. A reconstrución require que poñamos todo sobre a mesa”


 

O Concello incentivará o consumo con axudas directas para contribuír á reactivación económica mediante un plan único en España no seu alcance, segundo as persoas representantes da hostalaría

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, defendeu esta tarde o paso dado polo concello á hora de aprobar o Plan de Rescate Económico e Social da Coruña (PRESCO). “A política pode e debe ser útil, a reconstrución require que
poñamos todo sobre a mesa”, dixo Lage Tuñas canto á unanimidade acadada no consistorio para sacar adiante o plan.
A consecucion dese consenso foi aplaudida por Xiana Méndez, secretaria de Estado de Comercio, que participou con Lage Tuñas nun foro radiofónico sobre a reconstrución tras o coronavirus en que tamén participaron José Luis Boado, presidente da FUCC, e Héctor Cañete, presidente dos hostaleiros.
Lage Tuñas, que agradeceu o apoio do resto de grupos da corporación, recordou que o Concello vai máis aló das súas competencias aprobando un plan de 13 millóns de euros con axudas directas para as persoas autónomas e micropemes, que poderán solicitar entre 1.500 e 2.500 euros para o pago de cotas do réxime de autónomos e da seguridade social.
O voceiro do Goberno local recordou que o plan inclúe liñas para o fomento do consumo, con 1,3 millones de euros en bonos para comercio e hostalaría, unha iniciativa en que A Coruña é pioneira, xunto a Bilbao, en España.

“No hai ningún concello en España que aprobara unha batería de medidas como estas, é un plan que superou as miñas expectativas”, dixo Héctor Cañete. “A colaboración público privada é fundamental”, apuntou Lage Tuñas sobre a forma de por en marcha un plan de recuperación que busca tamén xerar confianza a través de campañas de promoción da cidade. “Veñen tempos moi duros e ímonos a
volcar”, dixo o edil, que transmitiu o agradecemento da alcaldesa, Inés Rey, a todas/os aqueles que facilitaron a unidade na Coruña para loitaren contra as consecuencias da pandemia.